Friday 03 de May de 2024

Comezan as actividades formativas do Programa Integrado de Emprego na Lonxa de Ribeira


O Concello de Ribeira ven de asinar un convenio coa Lonxa de Ribeira para a utilización das instalacións para tres formacións relacionadas co sector das industrias alimentarias e una charla sobre emprendemento en cooperativa da man de ESPAZOCOOP.

O Programa Integrado de Emprego promovido polo Concello de Ribeira está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal. Este programa ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego, por medio de accións complementarias de orientación, formación e intermediación laboral.

A concelleira de Emprego, Veva Betanzos e o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, inauguraron hoxe o primeiro curso de conducción de carretillas que terá unha duración de 30 horas; cuxo obxectivo é o de formar aos asistentes na conducción e manexo de carretillas elevadoras. Ademais desta formación, o Programa de Emprego tamén ten prevista outra formación en Limpeza Industrial, cunha duración de 70 horas e unha formación básica para Limpezas Xerais, cunha duración de 30 horas, que se desenvolverán ao longo deste mes de abril na Lonxa de Ribeira.